Os fotógrafos en Ribadeo

FRANCISCO MONASTERIO ESPINA, “O RETRATISTA”

(Sante, Trabada, 1876- Arante, Ribadeo 1963)
Foi o fillo único dunha muller solteira,Rosa Espina, que naquela época lle puxo ao seu
fillo o apelido do pai aínda que este non o fora recoñecer nunca.
Casou e foi vivir a Arante, onde tivo cinco fillos. Na casa vivíase do campo e el
comezou tamén un labor coa fotografía. Pasou uns anos en Cuba (hai fotos que o sitúan na Habana en 1911) e pénsase que alí foi onde completou a súa formación como fotógrafo.

De volta a Arante e para o resto da súa vida, traballou no estudio que tiña na casa e percorreu a comarca dando testemuño coa súa cámara dos acontecementos sociais.

ANTONIO RAMIL FERNÁNDEZ (Ribadeo 1917-1998)

Naceu no seo dunha familia de sete irmáns. O seu pai, mestre de obra, morre cando el
contaba 14 anos. Parece que antes e durante o seu destino na guerra en Ceuta xa facía
fotos para gañar a vida.
Foi operador para Sáez até 1953, ano no que montou un estudio propio na rúa Amando
Pérez onde revelaba e ampliaba.
Acudía, coma os demais, onde o chamaban ou ía a acontecementos sociais abertos e
logo vendía as imaxes.
Non facía fotografía de estudio, sempre foi fotógrafo ambulante até a súa xubilación.

AGUSTÍN FERNÁNDEZ GALIÁN “CARTAGENA”

(Cartagena, Murcia, 1930)
De mozote trasladouse cos seus pais a Ribadeo porque o seu pai traballaba na
construción da vía do FEVE.
Tamén el traballou alí e máis tarde no taller de Lama arranxando bicicletas e na forestal,
na repoaboción con eucalipto.
O de fotógrafo foi outro dos seus traballos. Foi operador de Saez e sobre todo visitaba
As Figueiras e Rinlo. Facía fotos, revelábaas no estudio de Sáez e despois ofrecíallas á
xente que aparecía nelas.
Ocupábase sobre todo de procesións e festas .
Cando a fotografía se popularizou e todo o mundo comezou a ter máquina os seu
traballo escaseou e motivou o abandono do oficio.
Cartagena traballou até a xubilación na carga e descarga de barcos no porto de Ribadeo.

GONZALO MONTERO CRUZ (Ribadeo, 1930)

Dedicouse á fotografía desde mociño. Até 1970, ano en que mudou de ocupación, foi
fotógrafo de estudio de Sáez ao contrario dos operadores, que facían fotos por fóra.
Porén, a súa grande paixón foi a música. Tocaba o saxo, o clarinete e a frauta traveseira
no grupo Melodías del Eo, formou parte da BMMR e dirixiu durante 14 anos o Coro da
3ª Idade.

BALBINO PÉREZ FERNÁNDEZ, “PÉREZ”

Naceu en Vilamartín (Barreiros) en 1932.
Con case 20 anos abre un laboratorio na rúa Doutor Maseda.
Dedícase a facer fotos de vodas, festas, procesións, retrato. A diferenza doutros
fotógrafos Pérez sempre puido el facer os revelados.
A partir de 1970 abre o 1º laboratorio industrial de color do norte de España.
Comprouse maquinario en Barcelona e Alemaña. Era o segundo estudio, na rúa
Martínez Pasarón.
A tenda sempre estivo na praza de España.
Ofreceron un servizo moi amplo. De toda a provincia de Lugo mandaban fotos a
revelar. Fóra, traballaban de Xixón para acó e ENSIDESA e ENDASA eran clientes
seus. Para os envíos utilizaban o servizo de paquetería de ALSA.
En 2001 xubílase por enfermidade no tempo en que xa a fotografía dixital fixo cambiar
todo o sentido do negocio.

JOSÉ FERNÁNDEZ CANCIO, “JOSÉ DO BAZAR” (Ribadeo, 1910-1998)

Aínda que en 1957 fixera dous cursos de fotografía AGFACOLOR na École des Arts e Métiers en Vevey (Suíza), José Fdez. Cancio foi sobre todo un fotógrafo autodidacta.

Vinculado toda a vida ao bazar Fernández que estivo na rúa Rodríguez Murias, José converteuse nun grande cronista da vida dos ribadenses. Fotografaba Ribadeo e as súas xentes e tamén, pola posibilidade que tiña de viaxar, ten moitos traballos de España e o estranxeiro, nomeadamento dos EE UU . É rara a casa onde non hai imaxes tomadas por el, a maioría delas cun selo de personalidade artística incuestionable.

Na Casa do Óptico houbo cursos de fotografía para adultos nos que participou activamente e en 1996 o centro EPA “Dámaso Alonso”, a Asociación Cultural Dámaso Alonso e o Concello de Ribadeo rendéronlle unha homenaxe para divulgar a súa figura e a súa obra. No ano seguinte os mesmos impulsores organizaron unha exposición na rúa á que sempre estivo ligado, a de San Roque, coincidindo coa festividade do co-patrón de Ribadeo.

Os comentarios están pechados.